Ponte Vella
Tinta/papel, 16x11
Serie: O Ourense perdurable.
CON TRAXANO E SEN TRAXANO, velaquí a ponte renomeada de mar a mar. Abóndalle a gótica arrogancia coa que salta o Miño. Pasádea con respecto, os que vindes do norte. E ao final, quitade o sombreiro e rezade unha Salve, que alí está a Virxe por quen o río “vai caladiño”. Pasade como peregrinos, que excelentes cabaleiros non lograron pasala, e levádea sempre na memoria.
Vicente Risco
A PONTE.—Se damos fe da lenda o emperador Traxano foi un gran pontífice, no sentido primixenio da palabra. Cólganselle todas as pontes que teñen pátina. E por que non tamén esta “emperatriz das pontes”, da que se dicía con ponderación noutros tempos que por debaixo podía pasar arborizado un navío? As pedras almofadadas afloran nas súas bases. Non hai, pois, dúbida de que é romana. A comezos do século XIII, o bispo D. Lourenzo, confesor e amigo do rei San Fernando, levantouna de novo. Volve reconstruírse nos séculos XIV e XV, e no XVII, na entrada que dá á cidade, álzase unha torre, tal como figura no escudo de armas que se adoptou no XIX. É unha das tres cousas que hai en Ourense e que non hai en España. E isto xa é moito dicir.
Ferro Couselo
Ver a publicación O Ourense perdurable