Publicacións e prólogos
ITINERARIO HISTÓRICO E ARTÍSTICO DO OURENSE PERDURABLE
Notas: Xesús Ferro Couselo
A PRAZA DO FERRO.- A Cruz do Ferro– Cruz chamouse a praciña na que facían cruz as rúas foi por moito tempo un mercado de potes, apeiros de labranza e outros útiles de ferro que traían os feirantes asturianos, que nos deixaron as ferraxerías que aínda hoxe constitúen o máis importante comercio desta praza.
A fileira de graciosos soportais do cincocentos, nun dos seus lados, o palacio que, flanqueado por espléndidos escudos, levantou cos dobróns do seu tío o oidor, o inquieto e xenial cabaleiro D. Juan Fernández de Boán y Lanchedo, alá pola primeira metade do seiscentos, e a fermosísima e monumental fonte, arrancada pola desamortización ao Imperial Mosterio de Santa María a Real de Oseira, danlle a esta praza un selo especial e inconfundible. Turistas e pintores adoitan quedar prendidos no encanto deste recuncho do vello e perdurable Ourense. Para moitos, sen dúbida, o mellor.
XESÚS FERRO COUSELO