Publicacións e prólogos

CRUCEIROS, PETOS e SANTOS

Prólogo: Alfredo García Alén

NON BUSQUES, lector, nestas páxinas tan só a beleza estética, Conde Corbal envorcou nelas, antes que a súa arte, o seu inmenso agarimo cara á terra materna. E buscou como tema algo que é imaxe viva e case tópica deste fermoso recuncho de España: a dureza do arcaico granito inalterable, en irmandade coa fe máis pura e coas vellas tradicións. Os seus debuxos son, por unha banda, homenaxe aos mestres da nobre arte da cantería e, polo outro, emocionado monumento á sinxeleza da alma campesiña….

Cruceiros, petos, almiñas e santos están no seu libro. E, con eles e sobre eles, está Galicia.
Pouco importa que nun terreo erudito discutamos se os nosos cruceiros naceron co románico ou son un dos resultados da influencia das ordes mendicantes; de nada valerá aquí ligar os petos e almiñas a residuos de posibles cultos neolíticos. Non empecerá tampouco á súa intención que o cruceiro queira espantar coa súa presenza á terrorífica aparición da Santa Compaña na encrucillada aldeá ou que santifique os vellos ritos de fecundidade nunha ponte. Símbolo expiatorio, recordo emocionado dunha violencia, acto devoto ou santificación de costumes pagáns, xa son para sempre todos eles, algo consubstancial coa nosa paisaxe e unha mostra perenne da fe do pobo galego.

É curioso comprobar que algúns destes monumentos son obra de grandes artistas, que, ao labralos, seguiron a maneira de facer artesá. E outras veces constitúen unha verdadeira obra mestra, na que o autor descoñecido fai alarde do dominio, que sobre a dureza do granito, teñen os nosos canteiros.

Ao follear estas páxinas sorprenderanos, unha vez máis, o misterioso lazo que une as xentes de Galicia ás da Bretaña francesa. E con este misterio o non menos asombroso da perduración das tradicións gremiais dos nosos “arjinas”, que se orgullecen do seu traballo, dispersos por toda a xeografía, pero tamén tan enraizados na terra como as súas propias obras.
Asi realizou o autor esta serie de debuxos. Neles puxo todo o seu amor á Galicia. E, coa ilusión de que se comprenda a súa intención, pon nas nosas mans este libro.

 

ALFREDO GARCÍA ALÉN