A Praza das Mercedes
Tinta/papel, 16x11
Serie: O Ourense perdurable.
NO PILÓN desta fonte, hai moitos anos, vin afogar dúas ratas. Traíaas unha muller nunha gran rateira colectiva, de arame. As ratas nadaban ao bordo da auga, e a muller, cun pau, apartábaas da beira, con asañamento cruel, ata que se cansaron e caeron ao fondo, unha despois da outra. Contemplei, co corazón engurrado, a agonía da primeira. Estas cousas non deben facerse á sombra das árbores. As mulleres teñen mal corazón.
Vicente Risco
A PRAZA DAS MERCEDES —Antiga Pía da Casca en lembranza do pío que para o curtido de peles debeu ter algún peleteiro na Idade Media. Nas súas proximidades Gonzalo Pérez de Requeixo levantou o famoso “Milladoiro” coa súa cruz en forma de flor de lis, “a honra de Deus e de los Sanctos Angeles”, o ano do Señor de 1460. Xunto a unha vella ermida de Nosa Señora, fundouse no século XVII o Colexio de Nosa Señora das Mercedes para recollemento de doncelas e señoras. A finais do XVIII, o gran Cardeal Quevedo reformou o Colexio e o edificio. Tras a desamortización foi Hospital e Hospicio. Hoxe volve ser Colexio de novo.
Ferro Couselo
Ver publicación O Ourense perdurable