Don Friolera, Pachequín e Dona Loreto
Látex con acrílico sobre acetato, 40x28
Serie: Do amor e da morte (Obra Valle-Inclán)
Los cuernos de don Friolera, II e IV. Don Friolera, Pacheguín e dona Loreto.
A acción que representou Conde Corbal corresponde á escena catro, e máis especificamente a tres citas que describen a rifa entre don Friolera e dona Loreta, a súa esposa “infiel”. Cando don Friolera brande un “pistolón”, Pacheguín, o barbeiro coxo que vive na outra banda da rúa, acude á “casa de la tragedia” para acorrer á súa amante. Na escena central do esperpento, e ao escollela, Conde Corbal amosa a súa percepción como lector; percepción que confirma a realización do gravado pois ao ollalo recoñecemos non só a cuarta escena, senón tamén a obra enteira. Sobre todo é evocadora a figura de don Friolera, que encerra o desenvolvemento completo dos seus esforzos patéticos de “lavar” a súa honra. O home vese “negro” literalmente, e está evidentemente histérico mentres brinca e berra á beira da parella abrazada. O “pistolón” apunta non a dona Loreta senón ao aire, lembrándonos que cando dispare non matará a súa muller senón a súa filla. Nesta figura Conde Corbal logrou precisar o que Valle-Inclán chama “el gesto único” de don Friolera, o fixar [sexa en palabras ou en liñas] a expresión máis representativa [e inefable] dunha persoa, experiencia ou emoción. Vemos a don Friolera nesta escena, neste momento, pero ao mesmo tempo vemos todos os outros aspectos del [todos os don Friolera], pois a liña foi alterada, cambiada de tal xeito que expresa ou evoca moito máis do que poida representar.
Carol Maier
Ler máis