Publicacións e prólogos

A DORNA E OS QUE VIVEN DE ELA

Gravados de CONDE CORBAL

Prólogo: Xaquín Lorenzo “Xocas”

DESPOIS DE CORENTA ANOS, este artigo que Xaquín Lorenzo, Xocas, fixera para a revista Nós, en 1933, conserva todo o interese e a vixencia que ten para min o problema laboral da dorna. Dicía o Xocas:

          O momento é crítico: a punto de desaparecer unha chea de costumes i embarcacións típicas, aixiña non serán mais que unha lembranza na mente dos vellos mariñáns, que nas mañás soleadas do inverno contarán aos netos as suas andanzas naquelas embarcacións en que ollaban a morte cara a cara tantas vegadas.

          A dorna (o xeito, a traíña) van chegando ao remate da sua vida. Vense desplazadas pol-os motores de explosiòn e o seu campo de acción vaise limitando.

          Non é de lamentar a sua perda, sempre que esta siñifique un progreso, mais coidamos que istes documentos populares deben ser coidadosamente estudados: teñamos en conta que ilas forxaron a alma arriscada e valente dos nosos mariñáns.

          A dorna siñifica o paso da pesca familiar ao cooperativismo; é propiedade de unha soia familia, mais para tripulala precísanse tres homes e un rapaz; non    sendo fácil atopalos n-unha familia únicamente, os propietarios facilitan a embarcación pra que outros tres o acompañen; chegada a hora de repartir o    produto da pesca, tanto perciben  uns coma outros, non tendo o propietario outra ventaxa que a de tripular o barco en calidade de patrón.

          Así pois a dorna resolve o problema aos pescantíns probe, que de outro xeito non poderían adicarse á pesca de mar adentro e con certa intensidade.

          As dornas adoitan faguelas carpinteiros especializados n-estas labouras, en pequenos astilleiros. Emprégase pra ellas a madeira de piñeiro, póndolle a quilla de sobreira ou de carballo.

          Atópanse dúas castes de dornas: unhas grandes, de cinco ou seis metros de eslora, e outras máis pequenas, de tres ou catro, chamadas dornas polbeiras, por empregalas especialmente prá pesca de polbo ou pulpo.

          A incertidumbre da vida dos mariñeiros da dorna, sempre por riba das augas treidoras, dá a istes homes un esprito xeneroso e un amplio concepto da vida e das suas pasións.

          O mar é pra iles berce e tumba e n-il trascurre a sua vida toda.

           Semellantes aos croios que o mar axota ás praias, istes homes perderon ao contacto co mar as aristas que se sinalan ferintes en moitos aspectos da vida campesiña.

XAQUÍN LORENZO