Publicacións e prólogos
NA PROCURA DO OURENSE PERDURABLE
Prólogo: Ramón Otero Pedrayo
A EXPRESIÓN XA CLÁSICA E CONSAGRADA contén unha profunda e constante verdade baixo a xentil ironía exterior… A nosa cidade en poucos anos cambiou ata de cor, de luz e non digamos como se transformou o fino e diariamente renovado tecido dos seus rumores…Por iso alcanza máis alto e ata emocionante nivel a empresa de Conde Corbal. O escritor e o debuxante atópanse e complétanse. Risco da entraña da cidade, Conde Corbal, ourensán, pero do Miño arrabaldeiro de graves e lentos meandros; emprendendo cada un o seu camiño a diferente hora psicolóxica atopáronse moi pronto. Porque a verdade, a verdade no grao eminente da transcendencia, inspira por igual a pluma e ao lapis.
Nunca morren os acordes felices, moitas veces insconscientes, entre os homes e as cousas. Poden ser eclipsados os mirtos do xardín pola petulancia das acacias. Basta un reflexo de sol, un bater da choiva nas pedras, para facer esquecer a gris tristeza dos cementos. Para facer máis belo e excelente o Ourense perdurable faltáballe o termo de comparación. Agora soa mellor o violín na sala agrandada, e a lúa cansa das rúas modernas busca o repouso, a fantasía, os silencios das rúa avoas, dos tellados convertidos polo inverno en verdes e inesperados illotes. O debuxante non sae cada día á caza das velleces. Non fai o inventario dos bens dunha bela defunta… para el descóbrense os admirables acordos e concordancias das xentes e as casas, das horas e as estacións, e a paisaxe dun canellón, ou unha praciña. Por primeira vez os ramos arquitectónicos e decorativos da nosa cidade non aparecen como en ilustracións doutro tempo, desagregados do conxunto. Viven enlazados á cidade e os seus diarios afáns polos fíos sutilísimos da simpatía… E non só nos fai Conde Corbal este marabilloso beneficio; edúcanos o sentido do profundo, do palpitante baixo as aparencias, do envés encantador do actual. Lévanos a unha proxección verdadeira na súa transcendencia. Pois a luz, o estilo, a tendencia á forma, e ao acorde non poden ser escuridade senón para miradas e xuízos demasiado atentos ao primeiro plano. Conde Corbal, acéndranos, como Vicente Risco, en ourensanía. Calidade espiritual imposible de definir en clima como o noso, desconfiado ás definicións. Polo que o volume, que con palabra incorrecta, agradecido e apaixonado presento, pode ser o mellor equivalente a unha arte ideal do ourensanía que probablemente non se escribirá xamais.
RAMÓN OTERO PEDRAYO