Publicacións e prólogos
PONTEVEDRA EN 50 DEBUXOS DE CONDE CORBAL
Prólogo: Xosé Fernando Filgueira Valverde
PONTEVEDRA, que dá nome á provincia, é, ante todo, unha “vila espiritual”, folgada mansión de repouso que aguza o seu sentido da arte no canto coral e na lectura, cata novidades, regusta “lembranzas” e impulsa iniciativas. O seu nome, o seu brasón, no santuario da Virxe Peregrina, Patroa do Xubileu compostelán, os epígrafes de Santo Domingo, toda fala aquí da vella urbe itineraria, nó de camiños en mar e terra. Ao lonxe levántase, como un estandarte renacentista, a fachada de santa María, froito dos seus desposorios co Atlántico. Percorrendo as nove prazas e as rúas con soportais da súa “zona monumental”, dareis no Museo: que ten empaquetado de pazo e intimidade de fogar, que recolle o propio, e achega o alleo e o afastado, que di dunha vontade de cultivo espiritual.
Para facer o eloxio de Pontevedra non é mester apelar a mitoloxías e a listas de fillos famosos. Cifran a súa historia aqueles emisarios que en 1386 parlamentaron con Messsire Thomas Moreaux, como unha cidade hanseánita, como nunha “república do mar”. Ían esfarrapados, descalzos… “mais bien savoient parler” -di Froisssart. Para guiar polos alegres carreiros de Galicia, desde este fogar de camiñantes que é Pontevedra, escollería a aquel eruditísimo divagador, intuitivo benedictino que foi Frei Martín Sarmiento, que a amou como ninguén.
Sarmiento e Feijó estudaron Artes no Mosteiro de Lérez, onde agora festexamos a San Bieitiño, na súa festa de Xullo, patrón de Europa e noso, estreando e lembrando “cantigas”. El podería glosar cada unha destas follas que o lapis prestísimo de Conde Corbal soubo sorprender en tantos motivos do noso patrimonio de arte e da nosa vida tradicional. Que gran compañeiro para ensinarnos a querer o noso e para facer nosos aqueles que chegan, coa ofrenda de canto poida atraelos, e para facer perdurable neles a memoria destas terras onde é doado arraigar e destas xentes de espírito aberto ao que chega: “Pontevedra é para quedar, amigos”.
XOSÉ FERNANDO FILGUEIRA VALVERDE