Os Remedios
tinta/papel, 16x11
Serie: O Ourense perdurable.
A VIRXE MARÍA protéxenos en toda clase de ocasións. Pero é moi especial protectora do mellor que hai no mundo, isto é, dos camiñantes. Por iso está na entrada e na saída de Ourense. Esta capela é onde, entrando en Ourense pola Ponte Maior, hai que quitar o sombreiro e rezar unha Salve. Aí está a imaxe que un émulo de Don Xoán convidou sacrilegamente a cear. Aí está a pequena fiestra desde a que, a calquera hora, pode un achegarse a facer a novena. Aí está a capela que durará o que dure Ourense.
Vicente Risco
OS REMEDIOS.—Ourense, noutros tempos, estivo rodeado de auténticas ermidas cos seus ermitáns: a de Pía da Casca ou das Mercedes; a do Portovello; a de Mende; a de San Nicolás, ao outro lado da Ponte; a do Posío e algunhas máis. E ata Santa María Nai tivo a súa ermitá ou beata. Pero ningunha acadou a fama e a continuidade da ermida de Nosa Señora da Ponte ou dos Remedios. Fundada en 1522 polo fidalgo ourensán D. Francisco Méndez no campo que, segundo a lenda, se chamou do Desafío, tivo durante moitos anos como ermitán un neto do fundador, don Alonso Méndez Montoto, que, tras unha vida disoluta, coma outro Mañara, converteu en Hospital de bostelas a súa casa da Rúa da Obra e entregouse aquí á devoción e á penitencia. Despois do Cristo, non houbo en Ourense outra devoción máis popular. As procesións de penitentes partían do Cristo para rematar nos Remedios, e aínda hoxe a novena e a festa titular congregan a numerosas xentes.
Ferro Couselo
Ver a publicación O Ourense perdurable