Publicacións e prólogos
CATÁLOGO EXPOSICIÓN DEBUXOS CONDE CORBAL 1968
Prólogo: Carlos Casares
NON HAI POBOS SILENCIOSOS: hai palabras afogadas. E si un pobo se queda sin palabras é seguro que se queda tamén sin liberdade. Por eso o papel de todo artista, que é un papel esencialmente liberador, consiste en salvar as palabras que se perden no silencio. Pero pra rescatar as palabras é preciso facerse pobo, fundirse nil i escoitar ben preto ise murmurio en que se convirte o berro conteñido que non se ouve dende lonxe.
Pepe Conde Corbal ven de facer un pelerinaxe polas terras do silencio, ven de falar ca xente do seu pobo. E tráinos istes dibuxos que non son outra cousa que palabras rescatadas, palabras salvadas pra todos nós, voces dun pobo (acórdome de Raimon) que non quere morrer.
Aiqui temos, pois, a Conde Corbal convertido por obra da sua sinceridade e da sua fidelidade a unha terra, en voz dos que non falan, en berro baril dos silenciosos. Esa é a sua maior gloria i esa é tamén a máis clara manifestación do seu talento.
CARLOS CASARES