O artista

Foron moitos os pretextos esgrimidos por Conde Corbal para erixir a súa obra, todos extraídos de anacos da vida que poderían pasar desapercibidos para calquera, pero non así para él, non para a mirada do artista que busca a esencia das miudezas neses cálidos momentos domésticos, nos faladoiros de amigos, no traballo a beira do mar, nunha romaría e neses agasallos da natureza que tanto apreciaba: árbores, flores, animais, mesmo nun recanto dunha pedra ou no lecer dun solpor.

Confesaba Cézanne que fixarse nas cousas pequenas denota sabedoría e tamén moita sensibilidade, “pintar a realidade, dicía, non é copiar o obxectivo, senón representar sensacións”. Cada debuxo, gravado ou pintura de Conde Corbal é un cúmulo de impresións recollidas, que el apañaba como se  estivera compilando a poesía das antigas cantigas, na mesma liturxia que pasa de pais a fillos os coñecementos da identidade, o valor do patrimonio ou as feridas e a dor que ocasiona unha guerra. O pintor, custodio do seu, do noso, votou sempre man para as súas creacións desa fráxil memoria que precisa de alicerces para rehabilitala, aloumiñándoa coa luz, as cores e os trazos do debuxo.

A traxectoria dun artista mídese por as pegadas que vai deixando, e as deste pintor son moitas porque tódolos motivos e xéneros, foran retratos, paisaxes, escenas decotío… podían servir de escusa para ceibar esas sensacións tan cezannianas, glosando sobre un papel ou unha tea o amor que profesaba por Galicia.

Pero, de Xosé Conde Corbal fican tamén os xenerosos afectos da amizade, tanto del como desa gran muller que tivo ao seu lado, Margarita. Fermosas lembranzas reflectidas nunha carpeta con ilustracións da flor por excelencia galega, a camelia, gabada por el xunto a Álvaro Cunqueiro nunha fermosa laudatio.

Hoxe a loa é para él, por tanto que nos deixou e tanto que aportou a cultura da nosa terra.

MERCEDES ROZAS

 

Mercedes Rozas
Historiadora da arte, crítica e comisaria de exposicións.

No Pazo Museo de Otero Pedrayo, 1986,
Foto: Anna Turbau