En profundidade

Conde Corbal naceu en Pontevedra, o ano 1923, nun ambiente definido polo nacionalismo, impulsado polo labor de Castelao como promotor dunha serie de pintores, que, gracias ao apoio do presidente da Deputación, Daniel de la Sota, converteron esta cidade no berce da chamada vangarda histórica galega con nomes como Maside, Torres, Souto, Colmeiro e Laxeiro. A semente deixada por todos os pensionados da Deputación ha facer da pintura o capítulo máis destacado da nosa arte nas décadas posteriores, enmarcándose esta nunha renovación no contexto dunha estructura político-social moi férrea, aínda defensora das compoñentes rexionalistas da pintura galega.

Os seus primeiros estudos terán lugar nun colexio de pago na rúa Michelena, pasando logo ao situado na Praza de Méndez Nuñez. O periodo estival faino compartir dous escenarios: a próxima praia de Placeres e o pazo de Ramirás, camiño de Ourense. Dúas paisaxes diferentes e dous ambientes distintos: o do veraneo convencional e o da aldea galega, en contacto cos traballos do campo, as historias tradicionais e o verdadeiro espírito galego.

Comezou a traballar no laboratorio que o insigne profesor Bibiano Osorio Tafall tiña na rúa Michelena, o que lle fai achegarse ao mundo da bioloxía. Comeza  os seus estudos no instituto, onde descobre a afección á expresión plástica, que empezou a amosarse na nenez, cando entre as aburridas clases do bacharelato se dedicaba a copiar os debuxos do alemán Hans Liska publicados na revista Adler. “Era Liska quen nos daba algo de Europa, dentro dun contexto de domeados, a través dos seus debuxos esencialmente grafistas”, comentoume Conde Corbal nunha conversa particular.

Achegarse á súa pintura supón entender o compromiso do artista coa realidade que o rodea -creador este dun mundo de silencios no que afogan as palabras que pretendan acadar unha explicación que se afaste dunha certa función social- , coa que o home trata de levar a arte a todos os estratos da sociedade como un xeito de expresión asumido pola terra e a xente de Galicia.

A longa tradición que fixo da arte un documento do mundo -ou, se parece mellor, un espello da propia realidade- ten neste pintor un fiel herdeiro. A realidade marxinal do pobo galego logra na obra de Conde Corbal unha unidade de espíritu ao servizo dunha nova estética xenuinamente galega, que ten como último desexo mostrar a auténtica cara do noso pobo.

Inicia estudos nas facultades de Dereito e Química; mais, a súa vocación pictórica faríalle abandonar rapidamente ámbalas dúas carreiras. Tras diversas ocupacións nos máis diversos traballos, dende rexentar unha fábrica de cerámica en Benavente ata traballar nunha mina de volframio, establecerase en Ourense para intensificer a súa actividade artística. Técnicamente, inicia o quefacer artístico coa acuarela e a augada, ao tempo que comeza a subliñar unha análise da Galicia tradicional, a través das súas xentes e das súas paisaxes, que serán os protagonistas esenciais de toda a súa obra. Fai a primeira exposición -que terá unha grande acollida– en 1958: un acontecemento que vai marcar a súa ligazón definitiva coa pintura, como compromiso e manifesto estético. Nestes mesmos anos, bota a andar unha das súas actividades máis sobranceiras: a participación nos medios de comunicación escritos, revistas e xornais. Comezará no xornal La Región, ilustrando a sección titulada “O Ourense perdurable”, que compartía con Vicente Risco. O contacto con Risco sería decisivo no seu xeito de entender a cultura e a arte.

“Desde o principio quixen comunicarme, traballaba para dicir… pero sen ter en conta os baremos burgueses da comunicación, é a súa impresión sobre unha faceta tan importante do seu traballo como é a arte entendida como comunicación. O seu talante didáctico e maila investigación das novas formas de expresión van ser aspectos fundamentais para achegármonos á súa obra, que se irá ampliando a un complexo mosaico de rexistros temáticos e lingüísticos. Por isto, debemos analizar a estética de Conde Corbal, en función da súa diversidade e riqueza, considerando tres capítulos -diferentes pero sempre complementarios – á hora de definilo artisticamente: o labor xornalístico, o gravado e mailo estampado e, por último, a faceta pictórica propiamente dita.

O labor xornalístico

A súa colaboración en diversos diarios cínguese á parte gráfica e debuxística, tarefa que inicia cos traballos en La Región, ilustrando a serie “Pobos e cidades de Galicia” [1961-1962]. Trala sentida morte de Risco en 1963 abandona o xornal ourensán e comeza a traballar no da  cidade que o viu nacer, Diario de Pontevedra, completando cos seus debuxos reportaxes sobre etnografía, festas, romarías e folclore de Galicia, así como series sobre o norte de Portugal e o Miño: un espazo xeográfico e cultural ao que sempre foi moi afín. Esta colaboración, que tiña carácter diario, levarao a facer interesantes series como é a denominada “Cruceiros, petos e ánimas”. De Pontevedra trasládase a Vigo, onde fai a “Ruta do Miño”, con González Martín, e ilustra cos seus debuxos temas tan conflictivos como foi o affaire do encoro de Castrelo de Miño. Posteriormente, colabora en La Noche, facendo a serie de debuxos “Costa da Morte”.

En 1969 marcha para Madrid, desenvolvendo aló un variado e múltiple labor no campo da arte. Colabora na revista Chan con suxestivas ilustracións de corte valleinclanesco e un buscado esperpento á hora de configurar a liña do debuxo. Viaxa a Bretaña. Máis tarde, establécese temporalmente en Vigo. De aquí parte a súa dedicación intensiva ao estampado, ata o instante do seu pasamento. Aínda que continúa coas colaboracións na prensa galega [La Región, La Voz de Galicia, Faro de Vigo], estas fánse máis esporádicas.

 O estampado

O máis interesante de Conde Corbal como artista, co que el se sente máis identificado, dadas as súa connotacións comunicativas, quizais é o gravado ou estampado. Se a función do gravado é a reproducción en serie da obra para que chegue ao maior público posible -abaratando o producto artístico-, cómpre botar man de prodecedementos máis lóxicos, menos custosos e menos complicados. Esta foi a busca de Conde Corbal. Ha obter un novo procedemento técnico por medio dunha plasmación peculiar e moi persoal: realiza o debuxo sobre unha folla de plástico transparente, non empregada na prancha convencional, cunha imprimación de pigmentos encolados. Máis tarde logra a súa transformación por fotogravado para captar con gran fidelidade os valores plásticos e as calidades que o artista prentende obter.

A pretensión esencial de Conde Corbal na súa obra gravada-estampada, ao longo de máis de vinte anos, é a pura comunicación visual. Esta debe ser, segundo o artista, viva e activa ante o espectador; pero un espectador amplo que abranga a tódolos estratos sociais. En definitiva, trata de buscar e de subliñar diferentes niveis de información, co fin de crear unha situación de debate localizada na conciencia social de cada un dos individuos. Partindo desta concepción da arte-comunicación, Conde Corbal reforza o sentido da mensaxe no receptor, que non só o recibe emocionalmente senón tamén a través da claridade do contido. Para o autor, é tarefa fundamental o estímulo que exerce a imaxe artística na conciencia popular como elemento creador de inquedanzas ou como forma de educa-la sensibilidade. Nunca mellor acaídas aquelas palabras de Ernst Fischer en A necesidade da arte: “A tarefa principal dunha sociedade socialista onde o mercado da arte non está aprovisionado pola producción en masa dos especuladores capitalistas é, pois, dobre: facer que o público atope pracer na arte, espertar e estimula-la comprensión, e poñelo acento na responsabilidade social do artista”. Damos  por suposto que non están excluídos nin o compromiso artístico nin a denuncia que a mensaxe leva consigo. Neste senso, Conde Corbal enlaza coa liña do realismo social ou expresionismo social, como lle chamou o crítico e historiador Valeriano Bozal, actitudes presentes en figuras tan importantes como Grosz ou Renato Guttuso, pintores admirados polo noso artista.

Son máis de mil estampados os efectuados por Conde Corbal dende 1960, agrupados en series temáticas, cunha finalidade próxima á pedagoxía popular. Poderiamos dicir que o tema, auténtico elemento literario ou narrativo, constrínxese a situacións monográficas que nacen da Galicia profunda, salvo raras excepcións: a Galicia do mar ou a do agro, os seus monumentos, as súas xentes, as súas cidades, o mundo mariñeiro ou as súas artes, o ámbito rural, a literatura e os seus homes, a antropoloxía, a etnografía, a fauna, a flora, os ríos, as costas, as súas vivencias históricas, a guerra… É a Galicia enteira, dimensionada na complexidade fílmica dunha visión artística, aprehendida con certeiro amor panteísta, coa plena identificación do que coñece e se compromete co seu pobo e coa súa terra. A de Conde Corbal é unha arte para o pobo, que pode, aínda na incomprensión, escenificar aquelas inquedanzas do testemuño social máis cru, herdeiro do Castelao do Álbum Nós. Velaí algunhas das súas series máis importantes:

– Referenciadas na literatura, destacan as tres series realizadas sobre a obra de Valle-inclán, 1969-1970: “Luces de bohemia”, O amor e a morte en Valle-Inclán” e “A etnografía galega en Valle-Inclán”.

– Relacionadas coa etnografía: “Cruceiros, petos e santos” [1966], con prólogo e comentarios de A. García Alén, “Pontevedra: a terra e a súa xente” [1967], prologada polo profesor Filgueira Valverde.

– Sobre as cidades e o seu contorno, provincias e os seus monumentos: “Ribadavia” [1974], “O Vigo vello”, “O Ourense perdurable”[1960] con pés de V. Risco, “O Ourense monumental” [1964] con pés de Ferro Couselo, “Pontevedra monumental” [1965], “Pazos de Pontevedra”[1972].

– Vinculadas ao mundo mariñeiro galego, a súa vida, as súas xentes, as técnicas pesqueiras, a fauna mariña…-: “A dorna e os que viven dela”[1977], “Xentes do mar de Vigo”, “A dorna e os seus traballos”, “Peixes, moluscos e  crustáceos”.

– Sobre a fauna e a flora galegas: “Peixes do río”, “Paxaros”, “Árbores e arbustos”, “Floriñas ventureiras”, “Mamíferos”, “Insectos”.

– Vinculadas a viaxes e itinerarios: “A costa da morte”, composta por máis de oitenta estampados. Excepcionalmente, temos series con temas galegos: “Unha viaxe por Italia”, e decenas de monografías sobre Bretaña e o Baixo Miño.

– Series documentais e históricas: “A Guerra Civil en Galicia”, composta por mais de cen estampados.

A vía estética do estampado, como en toda a obra de Conde Corbal, será unha peculiar opción expresiva e grafista, filla dun realismo deformado con plena consciencia, fortemente expresionista, distorsionante, na liña do esperpento goyesco e de forte trazo xestual. Carol Maier, crítica literaria norteamericana, estudiosa da súa obra, di que a mellor forma de entender a fondo a razón gráfica dos gravados de Conde Corbal é por medio da relación que estes manifestan cos principios estéticos de Valle-Inclán. Pretensión estética con recendos dos vellos canteiros, dos tímpanos e petos das ánimas, da palabra de Valle feita liña, co descaro de chamarlles farsantes aos ultraístas, resucitar a Goya e levar os heroes ao Carreixo do Gato da escena XII de Luces de bohemia, asumindo o papel de Max Estrella. E esa sinceridade aparece no testemuño persoal de moitas das súas mostras, como narración do pobo que retrata para a posteridade, preto da fábula dos contos de cegos: “A maneira de catálogo, ben quería nomealos un a un…Son xentes do mar, mariñeiros, pescas, regateiras, choronas, prantos, orfas e viúvas, noites de traballo na lonxa…Son beatas, devotas, ofrecidas de xeonllos, procesións de Amil e do Corpiño, labregos do interior, traballadores de eixada, obreiros de pico e pala…”. Palabras  do artista que introducían moitos dos seus catálogos expositivos e que preparan o espectador para que penetre na dinámica social que se vencella irremediablemente ao labor creativo que aquel propón.

Na súa linguaxe conflúen o expresivo e mailo construtivo. O primeiro, na capacidade do artista para exteriorizar os aspectos emocionais nas súas figuras, a través da deformación, mesmo se o representado é un simple obxecto ou un monumento arquitectónico. Non só sitúa os personaxes e as escenas no seu propio contexto, senón que singulariza a súa dinámica distorsiva, conforme o rito axitado dunha nova mirada. Así, á visión da paisaxe urbana, péndese no Ourense perdurable, pódese achegar ao espectador de diferentes maneiras, e consonte o seu estado anímico variar a percepción. Dicía Otero Pedrayo que para Conde “descóbrense os admirables acordos e concordancias das xentes e as casas, das horas e as estacions e a paisaxe dun canellón, ou unha praciña…”.

Do constructivo asume, ademais da estética analítica das liñas que definen ritmos e estructuras orgánicas, a capacidade da mensaxe educacional, esa persoal pretensión transformadora da sociedade que recibe a imaxe. Pretensión social que é semellante á desenvolvida na Alemaña pola nova obxectividade dos anos vinte, que reforzara entón un concepto máis gráfico que pictórico, ou o labor do anteriormente citado Grosz, un dos grandes mestres do debuxo satírico-social, e mesmo parella ás pretensións, en certos gravados, á estética dos muralistas mexicanos.

Mais é no italiano Guttuso onde Conde Corbal vai atopar o seu mellor paralelismo, co que o galego coincide testimonialmente, non só na estética senón tamén en cuestións de contido. Guttuso define o seu realismo partindo da relación coa sociedade. Nunha conferencia, “Sulla vía del Realismo” dixera que unha obra de arte debe ser comprendida por todo o mundo, ou polo menos en parte: “a través de esta parte, clara para todos, será posible para aqueles máis instruidos, máis sensibles, máis cultivados…acercarse á obra…A outra parte dunha obra que debe ser clara para todos é o tema…”. Outros compoñentes da súa tarefa estética no terreo do estampado son os que estudia a devandita crítica, Carol Maier, desde cinco perspectivas diferentes:

– O trasfondo cultural que aflora en todas as súas obras, debido en gran parte á súa profunda paixón pola lectura, outórgalle ao seu gravado unha base de seriedade e de didactismo moi consistente. Sempre rodeado de libros ou apuntes, Conde Corbal foi un ávido lector; pero non só lector de letras senón, e non é menos importante, lector da vida, do seu contorno, de canto o rodeaba e o influía. Tocante  ás lecturas, o influxo que a obra tan persoal de Valle-Inclán é “quen me había guiar a man”.

– O intento por sacar á xente de Galicia do seu propio esquecemento esperta nela unha especie de memoria colectiva da súa identidade reflectida a través das series de xentes, de lugares, de tradicións… conformando unha cultura propia á que en moitas ocasións nós mesmos somos alleos. A conexión con nomes coma Risco, Otero Pedrayo, García Alén ou Ferro Couselo apoia o valor etnográfico que xa teñen por si mesmos moitos dos seus traballos. Recunchos de Galicia inmortalizados e moitos desaparecidos hoxe en día mantéñense vivos na nosa memoria grazas á súa interveción.

– O deformante, como terceira proposta ante a obra de Conde Corbal, non deixa de ser unha mestura da memoria co sentimento, logrando unha expresividade a través da liña, experimentando sobre si mesma e abríndolle ao espectador zonas para a inquedanza e o  desacougo. Camiños que se afastan do que podería ser unha realidade programaticamente establecida por unha sociedade cuns modelos de actuación realistas e plenamente aceptados que o pintor dende a súa óptica concienciadora adoita esnaquizar, chegando en moitas ocasións a situacións en que o inquietante, a mascarada, o que de grotesco ten a vida, imponse a esa realidade tan convencional.

– O carácter humanizante que dende o gravado se ofrece, igual cás outras componentes, pode seguirse rastrexando ao longo da súa obra. Ao rectificar co emprego da tecnoloxía do gravado a deshumanización reflectida no punto anterior, fai deste medio de expresión o seu medio preferido, “o maís expresivo e rápido para comunicarlle ao pobo o que a miña terra me fai sentir”. Unha relación coa máquina que precisamente o que nos posibilita é a nosa  humanización gracias a esa colaboración da que as dúas partes extraen beneficios.

– A ultima situación é a que presenta unha palabra inherente ao mundo do gravado como “fixeza”. Esa captación inmóbil que se logra na prancha, a inmobilidade da escena, permítelle o efecto contrario como é o de poder  continuar coa súa divulgación, coa súa extracción cara ao maior número de público posible, empregando así unha mensaxe continua, dende un mesmo grafismo. Unha pretensión, polo tanto, definidora da súa forma de actuación e que se irá impoñendo no seu traballo, un motivo que poida ser observado polo maior número posible de espectadores, en calquera escenario ou situación. Esta pretensión é asumida na estética de Conde Corbal como obxectivo prioritario: os seus gravados ou estampados responden á realidade vibrante do seu mundo lacerado polo grafismo da súa concepción da liña.

 A obra pictórica

No que é a obra pictórica propiamente dita, Conde Corbal leva ao lenzo ou á táboa, o seu máis usual soporte, os mesmos temas que trata na obra gravada, definida por unha estética similar, neste caso cunha pigmentación variada e múltiple, especialmente augada, acuarela e acrílico. O acrílico é o seu mellor vehículo de expresión, co que define a súa personalidade no mundo da pintura galega.

Herdeiro  da estética do granito, inscrita no vangardismo histórico galego do primeiro tercio do século XX, primitivista, atlantista e expresionista, o artista soubo peculiarizar con liberdade e desinhibición a parcela máis xestualizada, espontánea e figurativa do neoexpresionismo galego. Actitudes estas que ata hai pouco tempo foron vangarda no novo espíritu europeo dos alemáns e italianos dos anos oitenta, -neoexpresionistas e transvangardistas- ,eclecticismos icónicos e estilísticos, sentimento da tradición, reflexo autobiográfico, narración e expresión, canto lúdico e libre aos cor, figuracion libre…son premisas que Conde Corbal levou aos seus cadros antes que a posmodernidade as modelizase como estética imposta para difinir o retorno á pintura. Pero ao pracer de pintar e  á liberdade estilística acompaña, de novo, a xusta razón iconográfica, o tributo ao contido, a imaxe concienciadora que debe chegar ao pobo, porque, para el, a arte ten sempre unha función: educar pola vía emocional e pola dunha estética operativa, baseada na deformación expresionista. Velaí diferentes exemplos, entre outros: Remendando as redes [1971], O rastro [1984], O polvo no peirao [1983], Fábrica de conservas [1976], O Berbes [1981],

Os mesmos temas, idénticas pretensións comunicativas rexen, pois, as súas obras pintadas, iluminadas coa calideza dos brillantes acrílicos, coa rechamante presenza do vermello ou do amarelo, coa apropiación agresiva da core butano ou coa harmoniosa razón que implica a utilización das variables do azul. Distorsións que claman, gritos e axitacións, movemento total das figuras ou da cor xestual e das liñas do horizonte presiden, de cote, as súas composicións e os espacios ferventes, producto dunha actitude vital que logrou transformar a herdanza expresionista dos vellos ascendentes, desde os canteiros populares aos que tallaron os tímpanos románicos ou os retablos barrocos. En calquera caso, Conde Corbal propón un retrato testimonial dunha Galicia feita documento desde unha liberdade plástica sen límites.

Curiosamente, e tal como sostiñamos antes, a súa pintura resultou no horizonte recuperador das tradicións que buscou a posmodernidade, no primeiro lustro dos oitenta, ante as crises de modelos precedentes, dunha forza e dunha orixinalidade asombrosas, sendo capaz de traducir, mesmamente, a identidade en signo cromático, a antropoloxía en temas de estética xenuinamente popular e as presuncións autobiográficas en xestos viscerais para ligar o destino da arte á vida, a través dos temas e do seu tratamento. Un testemuño de sinceridade que acompaña coa invención expresiva que asume  os conceptos e as formas dos clásicos muralistas mexicanos, vertido como expresionismo sinxelo, que respecta a liña directora do debuxo de grosos trazos, pero, ao mesmo tempo, reforza o carácer granítico -un signo da identidade xerado no vangardismo histórico galego– que constrúe coa luz e coa plasticidade dos sombreados. Mais o artista incide na alianza das estruturas construtivas e expresivas, dunha certa razón xeométrica coa que ordena visualmente a percepción das imaxes que espertan en nós as emocións que logran transmitirnos.

O pintor recréase nunha sorte combativa de gamas de cores de clara e manifesta agresividade, como se dun manifesto vangardista se tratase, pero exemplificado directamente na pintura. O uso do laranxa, do vermello ou do amarelo, todos eles empregados nas súas máis altas gamas de forza cromática, acentúan o elemento expresionista. Unicamente se produce un certo enfriamento da obra realizada por Conde Corbal cuando se recorre á utilización dunha cor imprescindible na nosa cultura galega como é o azul en todas  as súas variedades. A  aplicación da cor a unhas formas expresivas, baseándose na distorsión e a desfiguración dende o debuxo, provocan a muda dinámica da imaxe a través de liñas sinuosas, nas que se perde a súa presenza en favor da mobilidade das figuras: un efecto que non fai más que acrecentar o sentimento de axitación, constantemente buscado polo autor co fin de crear unhas atmosferas cheas de vitalidade. A vitalidade entendida como elemento de rebeldía do pintor, como o xeito de se enfrontar a unha sociedade e interpretala en tanto que obriga moral. Velaí a presencia do creador que busca encher o cadro co testemuño da vida, coa base documental de quen percibe a Galicia como un sentimento e o fai mediante o pincel agresivo e demoledor, axitando as formas e coidando as composicións, que escenifican habitualmente un singular horror ao baleiro de clara tradición barroca. Para isto recorre, en moitas ocasións, a unha formalidade de fonda débeda co mundo das artes populares galegas, desde os petos das ánimas aos retablos de todas as épocas, de tanta tradición no noso mundo artístico, modelos que, en tódolos casos, negan o baleiro como elemento conformador de espacio no cadro.

A distorsión das figuras eleva o impacto visual dos propósitos que perseguía na obra gravada ou estampada: de aí xorde unha atmosfera febril e electrizante, o lugar da confusión, como se fose o que se desatase unha tormenta creativa que abocase a gorecerse o espectador, todo o cal fai da súa obra unha continuación renovada da vangarda histórica galega do primeiro tercio do século, que iniciaran os Maside, Souto, Colmeiro ou Laxeiro, tan distante, certamente, dos tópico rexionalistas cos que enfatizaran os artistas que só vian en Galicia un tema de folclore enxebrista.

Dous elementos do seu traballo merecen un breve comentario. Un é a recorrencia no emprego do espido e mais do retrato como elementos de comunicación ou lingüísticos dentro da pintura. O espido denota na súa obra unha clara tendencia erotizante que, en moitos casos, redimensiona a pintura cara a outras vertentes, pero sen arredarse do espíritu de enfrontamento. Conde Corbal, ante todo dignifica a figura humana, e o espido aparece como se a súa propia forza servise para encher o lenzo: de aí xorde unha monumentalidade moi pouco común na nosa historia da pintura. Pezas como Espidos na praia (1980), ou a serie “Erotismo”, realizadas en 1988, dan boa idea de esta situación.

E outro elemento diferencial da súa pintura é o emprego que fai do retrato. Magnífico retratista de persoas achegadas a él, recoñecidas pola comunidade, tamén o é de figuras anónimas para o espectador, xentes descoñecidas que no cadro logran ter a mesma dignidade vital cás que logramos recoñecer. De novo, o artista subliña o valor da pintura como elemento social no ámbito da cultura popular ou de masas, e os protagonistas retratados responden sempre ás mesmas tipoloxías: xente do mar, labregos, mozos e mozas…, exemplifican un amplo expectro social que asume o protagonismo en diferentes escenarios e contextos dunha etnografía real ou fabulada, a través da cal Conde Corbal logra penetrar nos sentimentos, desexos e esperanzas dos personaxes, espir a  alma e crear unha certeira radiografía da realidade marítimo-rural galega.

Renunciamos a relacionar todas as exposicións e mostras artísticas en que participou Conde Corbal, porque sería encher páxinas e máis páxinas con datas e cidades; mais é  importante deixar constancia da súa inclusión en múltiples exposicións individuais e colectivas, mostrando a obra en toda Galicia, en Madrid e nos Estados Unidos. Moitas das súas exposicións obedecen a unha concepción novidosa noutros tempos, hoxe en día moi frecuente, como é a da itinerancia das obras, cunha clara finalidade didáctica e instructiva, por vilas e colexios de Galicia, tomando como punto de partida o poder da imaxe e a súa capacidade educacional.

Os seus gravados e a súa pintura mesmo foron presentados como parte ilustrativa de congresos, conferencias e carteis publicitarios, así como foron requiridos polas institucións para a súa inclusión en campañas promocionais.

A súa obra aparece amplamente representada en coleccións privadas e institucionais, en edificios públicos e en museos de Galicia [Museo de Castrelos de Vigo, Museo Provincial de Pontevedra, Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago…], de diferentes cidades españolas, en Francia e en Estados Unidos.

Tal vez poucos comentarios como o que lle dedicou o escritor Carlos Casares no prefacio dun dos seus catálogos expositivos serán tan certeiros á hora de resumir a dimensión crítica e estética da prolífica obra de Conde Corbal, un dos grandes proxectos visuais da arte galega da segunda metade do século XX, se queremos penetrar no auténtico espíritu da cultura e da alma desde país: “Non hai pobos silenciosos: hai palabras afogadas. E se un pobo queda sen palabras é seguro que se queda tamén sen liberdade”.

ANTÓN CASTRO

 

Antón Castro
Licenciado en Filosofía e Letras e en Literatura Francesa, é doutor en Historia da Arte. Membro da Asociación Internacional de Críticos de Arte de París, foi profesor de Arte Contemporánea e impartiu mestrados e cursos en diferentes universidades. Colaborou en varias revistas de arte, pensamento ou literatura; comisariou máis de sesenta exposicións por todo o mundo; escribiu unha vintena de libros sobre arte e artistas actuais. Nos ultimos anos foi director do Instituto Cervantes de Milán e do Instituto do Patrimonio Cultural de España.

Xosé Conde Corbal, 1959